Mato gaba o labor do voluntariado galego que na actualidade supera as 36.000 persoas
Lun, 26/05/2014 - 11:11
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, puxo en valor o labor que desenvolven os voluntarios e voluntarias galegos no XVII Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia, celebrado en Santiago, no que a entidade sen ánimo de lucro entregou os recoñecementos ás persoas distinguidas polo seu labor en Cruz Vermella. A titular de Benestar presidiu a homenaxe onde destacou que as persoas voluntarias son “un exemplo de solidariedade e de entrega polos demais”.
Mato sinalou que unha sociedade do benestar constrúese a base de “pequenos esforzos e doses de solidariedade”, polo que sinalou que grazas ao labor dos voluntarios e voluntarias a sociedade é cada vez máis “integradora, inclusiva e participativa”.
Na actualidade, están inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia un total de 36.000 persoas que desenvolven diferentes tipos de accións como as relacionadas co voluntariado social nas que colaboran coas entidades no seu labor a favor das persoas máis desfavorecidas e vulnerables.
Tamén destaca o voluntariado sanitario, no que se colabora cos centros de saúde para coidar a quen está a pasar un mal momento ofrecendo, ademais, aos enfermos crónicos unha maior calidade de vida.
Mato, ademais, resaltou o voluntariado de maiores que permite ás persoas de avanzada idade continuar activos, ao tempo que se fomentan as relacións interxeracionais.
En definitiva, a conselleira de Traballo e Benestar destacou que con calquera tipo de acción voluntaria, o que se posibilita é unha mellora da sociedade en xeral.
