O Centro de Formación Ocupacional de Lugo programa 17 actividades formativas nas que poderán participar 250 alumnos

Mér, 10/10/2018 - 08:30

O Centro de Formación Ocupacional de Lugo situado en Montirón, que depende da Consellería de Economía, Emprego e Industria, programa para este curso 17 actividades formativas nas que poderán participar 250 alumnos e alumnas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o centro para comprobar o resultado das obras de reforma que se executaron durante o verán, nas que a Xunta investiu 325.000 euros.

As obras consistiron fundamentalmente na substitución das carpintarías exteriores e na renovación da cuberta, para mellorar o illamento e o confort térmico. Deste xeito, apuntou Balseiro, “a Xunta continúa apostando pola mellora das instalacións de formación e a optimización dos recursos, con medidas eficientes que contribúen a aforrar custos enerxéticos e emisións contaminantes á atmosfera”.

O delegado subliñou que o centro de formación de Lugo “cumpre un importante papel na cidade, non só coa realización de cursos propios senón como referente para accións formativas doutras entidades ou para os procesos de recoñecemento da experiencia laboral”.

Así, as instalacións acollen as aulas de formación do programa Incide, da Dirección Xeral de Comercio; nestes momentos estase a celebrar un curso sobre a Competitividade do comercio, no que participan máis de 20 persoas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/34227/centro-formacion-ocupacional-lugo-programa-17-actividades-formativas-las-que