O DOG PUBLICA A ORDE DE INICIATIVA XOVE DOTADA CON MÁIS DE 500.000 EUROS E QUE FINANCIARÁ OS PROXECTOS LIDERADOS POLA MOCIDADE

Mér, 16/04/2014 - 10:47
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria para este ano da orde de axudas “Iniciativa Xove”, un programa dotado con máis de 500.000 euros e que ten como obxectivo financiar proxectos presentados e elaborados polos propios mozos e mozas. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou o Espazo Xove de Noia, onde recordou que o período de inscrición para participar nesta iniciativa ábrese hoxe, e rematará o próximo 15 de maio. Na súa visita coñeceu tamén as actuacións que leva a cabo a Asociación Vella Escola no marco dos distintos programas da Consellería de Traballo e Benestar. Poderán presentarse ao Iniciativa Xove tanto asociacións xuvenís xa constituídas, como grupos informais de mozos e mozas que decidan unirse para emprender un novo proxecto. Cada un deles optará a un máximo de 4.000 euros. Terán prioridade aquelas actuacións que se baseen en áreas como o emprendemento e a empregabilidade, a creatividade, as novas tecnoloxías ou a toma de decisións e liderado feminino, entre outras. Ata o momento, nas catro primeiras edicións de Iniciativa Xove, financiáronse 718 proxectos nos que participaron preto de 3.600 mozos e mozas. Con Iniciativa Xove estimúlanse, segundo Rodeiro, valores e habilidades “moi importantes” como o “talento e a creatividade, pero tamén a responsabilidade, o traballo en grupo ou a capacidade de liderado”.