O obradoiro de Padrenda, Gomesende e Quintela de Leirado achega formación e emprego en traballos de construción a 20 desempregados

Ven, 16/11/2018 - 08:30

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na apertura de dous obradoiros duais de emprego que co apoio da Xunta se van desenvolver na provincia de Ourense, xunto con outros 16.

No obradoiro de emprego ‘Ruta dos muíños IV’ participan 20 desempregados achegados dos concellos de Padrenda, Gomesende e Quintela de Leirado que contan cun contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses para especializarse en operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción.

Díaz Mouteira explicou que a principal novidade da modalidade dual dos obradoiros consiste en que parte do alumnado ten a posibilidade de contar, unha vez finalizado o período inicial de nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada na zona, e cunha actividade vinculada ás materias nas que se están formando. En concreto, neste obradoiro serán 12 os participantes beneficiados con esta contratación adicional. Búscase así combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/35274/obradoiro-padrenda-gomesende-quintela-leirado-achega-formacion-emprego-traballos