O Parque das Illas Atlánticas acolle un curso de formación sobre visitas guiadas en espazos protexidos os vindeiros 9, 10 e 11 de maio

Lun, 21/04/2014 - 09:11
O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia albergará un curso de formación sobre visitas guiadas en espazos naturais protexidos os vindeiros venres, 9, sábado, 10 e domingo, 11 de maio. Estas xornadas, que terán lugar no centro de visitantes do parque nacional, van dirixidas a persoas que desenvolvan ou pretendan desenvolver o seu traballo como guías ou intérpretes en espazos protexidos. O curso comeza o venres, 9 de maio, ás 16 horas, rematando ás 20 horas; continúa o sábado, entre as 10 e as 14 horas, pola mañá, e entre as 16 e as 20 horas, pola tarde; e finaliza o domingo, dende as 10 ás 14 horas. Os interesados en asistir a esta acción formativa deberán inscribirse no teléfono 653 22 67 37 e abonar unha matrícula cun importe de 50 euros. Os obxectivos deste curso céntranse nos seguintes puntos: • Manexo de técnicas de interpretación do patrimonio para comunicar de xeito eficaz. • Coñecer os criterios de accesibilidade á hora de elaborar materiais escritos. • Dotar aos participantes das técnicas básicas de comunicación para transmitir os valores patrimoniais do lugar. • Saber desenvolverse correctamente no traballo con persoas con necesidades especiais. • Deseñar paradas de visitas guiadas accesibles. O Parque Nacional das Illas Atlánticas organiza frecuentemente actividades de carácter formativo co fin de proporcionar aos asistentes, na súa maioría profesionais do sector turístico, os coñecementos fundamentais desta contorna natural.