O Plan galego de formación 2018-2019 permitirá a 2.400 desempregados de Lugo elixir a súa cualificación entre 162 cursos

Ven, 19/10/2018 - 08:30

A Xunta porá en marcha nas próximas semanas o Plan galego de formación 2018-2019, que na provincia de Lugo permitirá que un total de 2.430 persoas sen emprego poidan elixir a súa cualificación a través dunha oferta de 162 cursos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe as principais novidades que introduce a presente convocatoria desta iniciativa, que forma parte do esforzo que está a facer a Administración autonómica, a través da Axenda 20, para incrementar e mellorar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e para adaptar a formación ás demandas reais do tecido produtivo. A Consellería de Economía, Emprego e Industria incrementou nun 13,4% o orzamento deste programa, que alcanza na provincia un investimento de máis de 6,7 millóns de euros.

Deste xeito, os alumnos e alumnas poderán por primeira vez escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos que son os adxudicatarios das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado. Ata o de agora a elección só correspondía ao Servizo Público de Emprego de Galicia.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/34372/plan-galego-formacion-2018-2019-permitira-2-400-desempregados-lugo-elixir-sua