O programa de voluntariado xuvenil beneficiou xa a máis de 1.000 mozos e mozas e contará este ano cun orzamento de 440.000 euros

Mér, 19/03/2014 - 10:52
O programa de Voluntariado Xuvenil da Consellería de Traballo e Benestar beneficiou desde que se creou en 2011 a máis de 1.000 mozos e mozas de toda Galicia. A iniciativa seguirá a impulsarse este ano, cun orzamento de 440.000 euros, un 17% máis que en 2013. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou en Oroso no acto de entrega dos diplomas de asistencia ao curso Voluntariado e Participación, que foi organizado polo equipo de dinamización xuvenil para alumnos de secundaria no IES desta localidade. Este curso abordou, entre outras materias, os dereitos e deberes dos voluntarios, os diferentes perfís e tipos de voluntariado e a importancia da certificación da acción voluntaria nos currículos. Nesta iniciativa participaron un total de 44 alumnos de entre 16 e 18 anos. Ovidio Rodeiro animou aos mozos e mozas a participar no programa do Servizo de Voluntariado Xuvenil, que consiste na súa incorporación como voluntarios ás entidades, concellos e mancomunidades que están inscritos no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria. Serán subvencionables os proxectos desenvolvidos por un máximo de 8 mozos ou mozas de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, ou de 16 a 18 anos con autorización dos pais ou titores legais. O prazo para solicitar estas axudas permanecerá aberto ata o día 10 de abril. O director xeral recordou que “a participación xuvenil en actividades de voluntariado axuda aos mozos e mozas a adquirir valores moi positivos, como son o traballo en grupo, a responsabilidade, a comunicación, o sentido da iniciativa e a autoconfianza”. Ovidio Rodeiro tamén destacou a “importancia que ten complementar as ensinanzas académicas dos estudantes coas experiencias e competencias adquiridas mediante programas de educación non formal de participación xuvenil”. O titular de Xuventude recordou que o Plan de Formación de Xuventude da Consellería de Traballo e Benestar oferta este ano aos mozos e mozas galegos un total de 20.000 prazas a través de 76 cursos de diferentes temáticas divididos en dous eidos: xuventude e educación non formal e voluntariado. En total, impártense máis de 3.000 horas de formación.