O programa Emprega Paideia forma a 100 menores de 30 anos e persoas con capacidades diferentes en sectores emerxentes

Xov, 11/04/2019 - 08:30

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe en Oleiros aos alumnos e alumnas que se están a formar e realizar prácticas no programa integrado Emprega Paideia que se centra en sectores emerxentes como a economía verde e a industria musical e está dirixido a menores de 30 anos e persoas con capacidades diferentes. O encontro cos alumnos tivo lugar nas instalacións de Trébore Jardinería, onde se está a impartir formación en economía verde.

É a segunda edición desta iniciativa que desenvolve a Fundación Paideia co apoio da Xunta e nos seus primeiros catro meses xa acadou preto do 30% de inserción laboral dos participantes. O obxectivo é chegar ao 35% como mínimo, tal e como explicou Marnotes.

Os alumnos e alumnas, ademais, estanse formando noutras disciplinas como ofimática e mantemento de edificios e locais. Así mesmo, reciben cualificación en orientación na busca de emprego, idiomas e redes sociais aplicadas á procura dun emprego, entre outros. O programa integrado abarca as áreas territoriais da Coruña, Arteixo, Oleiros, Sada, Culleredo, Cambre, Bergondo, Betanzos, Miño, Curtis, Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Ordes.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/38892/programa-emprega-paideia-forma-100-menores-30-anos-personas-con-capacidades-diferentes