O Programa integrado de emprego Ocúpate de Zona Príncipe acadou co apoio da Xunta unha inserción laboral do 40%

Ven, 30/11/2018 - 08:30

Un 40% dos participantes no Programa Integrado de Emprego (PIE) Ocúpate, que promove a Asociación de Comerciantes e Profesionais Zona Príncipe de Vigo, co apoio da Xunta, e que remata hoxe acadaron un posto de traballo. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou na clausura desta iniciativa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria financiou con preto de 140.000 euros.

En global, recibiron asesoramento, formación e prácticas 85 menores de 30 anos sen emprego e con baixa cualificación. En concreto, o programa permitiulles cualificarse en novas tecnoloxías, idiomas e habilidades sociolaborais, entre outros.

Marnotes salientou os bos resultados desta actuación destacando que o obxectivo principal dos Programas Integrados de Emprego (PIE) é incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna.O director xeral destacou, neste senso, a aposta da Administración autonómica por plans que combinen formación e prácticas dando resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/35757/programa-integrado-emprego-ocupate-zona-principe-acadou-apoio-xunta-unha-insercion