Os 11 obradoiros de emprego da área de Compostela formarán a 190 alumnos-traballadores cunha achega da Xunta de 2,6 millóns de euros

Mar, 11/09/2018 - 08:30

Os municipios da área de Santiago contarán en 2018 cun total de 11 obradoiros de emprego, 8 deles de carácter dual, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 3 de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego 2.624.610 euros.

Os 8 obradoiros duais, cada un con 20 prazas salvo o de Teo, que ten 8, terán lugar en Padrón, compartido con Rois e Dodro; en Negreira, compartido con Santa Comba, A Baña e Val do Dubra; no Pino, compartido con Arzúa; en Ordes, compartido con Frades e Mesía; en Melide, compartido con Boimorto; en Teo en Santiago de Compostela, compartido con Ames e en Santa Comba, compartido con Dumbría e Mazaricos.

Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, realizaranse en Santa Comba, compartido con Negreira, A Baña e Val do Dubra de 16 prazas; Rois, compartido con Padrón en Dodro de 10 prazas; e Santiago, compartido con Teo de 16 prazas.

Estes obradoiros permitirán que un total de 190 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses.

A principal novidade é que os participantes nos obradoiros duais poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/33415/11-obradoiros-emprego-area-compostela-formaran-190-alumnos-traballadores-cunha