OS AUTÓNOMOS MENORES DE 30 ANOS PODERÁN RECIBIR AXUDAS DE ATA 2.600 EUROS MÁIS QUE EN 2013 GRAZAS AO PLAN DE EMPREGO XUVENIL

Mér, 28/05/2014 - 09:42
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar dúas ordes de axudas destinadas a promover o emprego autónomo ás que a Consellería de Traballo e Benestar destinará 15,3 millóns de euros para beneficiar a 3.300 autónomos e autónomas de Galicia. Os interesados terán de prazo ata o 30 de setembro para presentar a súa solicitude. Subvencionaranse, en concreto, as altas como autónomos que se formalizaran entre o 1 de outubro de 2013 e ata o 30 de setembro de 2014. A principal novidade que comparten os dous programas é a posibilidade de solicitar a axuda por establecemento como traballador autónomo e a subvención financeira sen necesidade de estar dado de alta no correspondente réxime da Seguridade Social no momento da solicitude. Por una banda, o DOG publica tres liñas de axudas diferentes dirixidas en exclusivo aos autónomos menores de 30 anos, ás que se destinarán 4,5 millóns para beneficiar a preto de 1.500 mozos. Esta medida forma parte das 19 actuacións do Plan de Emprego Xuvenil da Xunta, das que 18 xa están en execución. A orde prevé contías de entre 1.200 e ata 12.600 euros por desempregado. Nesta liña de axudas, introdúcese por primeira vez unha iniciativa “ambiciosa e novidosa”, xa que os menores de 30 anos que decidan constituírse como autónomos, e cuxa actividade non supoña un investimento elevado, recibirán 1.200 euros. Esta medida, combinada coa tarifa plana estatal de 50 euros, suporá que a súa cotización á Seguridade Social durante o primeiro ano estará subvencionada ao 100 por cento. O programa de axudas que sae publicado hoxe no DOG recolle tres tipos de subvención: para iniciativas de autoemprego xuvenil, co propósito de facilitar aos xoves os ingresos durante o inicio da actividade; para o establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia; e unha axuda financeira para a redución de xuros de préstamos. A subvención para iniciativas de autoemprego xuvenil ten como obxectivo facilitar ingresos durante o inicio da actividade a aqueles mozos e mozas menores de 30 anos que emprendan unha iniciativa empresarial ou profesional por conta propia. O único requisito será estar dado de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade profesional. A axuda, novidosa e exclusiva para este programa de axudas, será de 1.200 euros, que se incrementará nun 10 por cento se o centro de traballo estivera situado en Lugo ou Ourense. Esta subvención non precisa acreditación de investimento mínimo. Establecemento como autónomos O segundo tipo de axudas está dirixida a facilitar o establecemento dos menores de 30 anos como persoa traballadora autónoma ou por conta propia. O requisito, ademais de estar dado de alta na Seguridade Social, será acreditar un investimento en inmobilizado material ou intanxible necesario para o desenvolvemento da actividade por unha contía non inferior a 3.000 euros. As contías a financiar oscilarán entre os 5.000 e 10.000 euros por mozo e moza desempregada e que varían en función das circunstancias do beneficiario. Deste xeito, primarase aos mozos e mozas con discapacidade; emigrantes retornados; desempregados procedentes de empresas en crise; desempregados de longa duración; e aqueles que esgotasen a prestación por desemprego. Estas subvencións incrementaranse entre 1.000 e 2.600 euros se se acredita un investimento en inmobilizado material o intanxible non inferior a 5.000 euros. A contía final resultante incrementarase nun 10 por cento se o posto de traballo a crear está ubicado nas provincias de Lugo ou Ourense, encadrándose esta medida nos plans Impulsa da Xunta para estas dúas provincias. Subvención financeira A terceira subvención desta convocatoria está dirixida á redución de xuros do préstamo para o financiamento do inmobilizado necesario para o desenvolvemento da actividade. Esta subvención, dun único pagamento, será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia deste. Neste caso, as axudas oscilan entre os 5.000 e 10.000 euros, que varían, tamén, segundo a circunstancia persoal de cada beneficiario, primándose aos mesmos colectivos que as axudas destinadas para o establecemento como autónomos. Maiores de 30 anos O segundo programa destinado a autónomos que sae hoxe publicado no DOG está dirixido para os maiores de 30 anos e inclúe axudas de entre 5.000 e 10.000 euros tanto para o establecemento como autónomo ou por conta propia, como para a redución de xuros do préstamo necesario para o financiamento do inmobilizado necesario para o desenvolvemento da actividade. A Consellería de Traballo e Benestar destina a este programa preto de 10,8 millóns cos que prevé beneficiar a 1.800 autónomos maiores de 30. A estes dous programas para fomentar o emprego autónomo se suman outras axudas da Consellería de Traballo e Benestar para este mesmo fin, como son o programa para persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas; subvencións para iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E); e o programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT). En global, a Consellería de Traballo e Benestar blindou este ano o orzamento destinado a autónomos con 25 millóns de euros.