Os emprendedores participantes na aceleradora ViaGalicia preparan en Pantón a presentación dos seus proxectos

Mar, 11/02/2020 - 08:30

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar, asistiu este sábado pola mañá ás presentacións dos proxectos aspirantes a pasar á seguinte fase da sexta edición da aceleradora ViaGalicia. En total, 27 equipos de emprendedores (18 procedentes da sede de Vigo e 9 da sede da aceleradora en Lugo) participaron durante todo o día de onte e a mañá de hoxe no Hotel Oca Augas Santas no ensaio xeral para a preparación da presentación final dos seus proxectos ante o comité técnico a vindeira semana.

Despois de dous meses de formación na fase de Academia, agora unha trintena de equipos optan a pasar á seguinte etapa, a de aceleración. Durante esta fin de semana, os emprendedores e emprendedoras teñen a oportunidade de convivir, coñecer as propostas coas que compiten, compartir experiencias co obxectivo de favorecer a xeración de sinerxías e posibles colaboracións entre os equipos e dotalos do coñecemento e das técnicas de comunicación precisas para optimizar as súas presentacións nos demodays de Vigo (12 e 13 de febreiro) e Lugo (18 de febreiro).

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/46929/los-emprendedores-participantes-aceleradora-viagalicia-preparan-panton-presentacion?langId=es_ES