Os programas de participación xuvenil de Benestar executaron máis de 1.700 proxectos para a mocidade entre 2010 e 2013

Ven, 21/03/2014 - 11:22
Os programas de participación xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, permitiron executar un total de 1.771 proxectos para a mocidade entre 2010 e 2013. Deles, foron desenvolvidos directamente por asociacións xuvenís e grupos informais de mozos e mozas 708 proxectos do programa Iniciativa Xove e 197 do Xuventude en Acción. As entidades executaron 202 proxectos de voluntariado xuvenil e os concellos 664 proxectos locais. Estes datos foron destacados en Vigo polo director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, ao analizar o balance do Plan Estratéxico de Xuventude 2010-2013 nunha sesión de traballo con informadores xuvenís e concelleiros de xuventude da provincia de Pontevedra, na que estivo acompañado da directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz; e da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado está a organizar unha serie de xuntanzas territoriais para achegar aos actores xuvenís a información dos recursos que poñen en marcha o conxunto das consellerías destinados aos mozos e mozas. No encontro tamén se analizaron os diferentes programas que constituirán a base da programación da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Deste xeito, Ovidio Rodeiro destacou que ata o 28 deste mes está aberto o prazo para participar en Galeuropa, o primeiro dos tres programas de mobilidade que xestionará o departamento este ano, que permitirán que máis de 350 mozos e mozas poidan realizar prácticas laborais en empresas de calquera país do mundo cun investimento conxunto de máis de 744.000 euros. Os participantes no encontro tamén recibiron información sobre o programa de Voluntariado Xuvenil. Destinaranse máis de 440.000 euros a esta actividade e serán subvencionables os proxectos postos en marcha por entidades de acción voluntaria e concellos que sexan desenvolvidos por un máximo de 8 mozos ou mozas. O prazo para solicitar estas axudas finaliza o dia 10 de abril. Outro dos programas de Xuventude dos que falou o director na sesión de traballo foi Iniciativa Xove, que sairá publicado no DOG nos próximos quince días. Este programa, no que poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos. Plan de Emprego Xuvenil Pola súa banda, a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, referiuse ao Plan de Emprego Xuvenil 2014-2015, aprobado en febreiro polo Consello da Xunta e deseñado de xeito transversal e coa implicación de todo o Goberno, co obxectivo principal de loitar contra o paro entre a mocidade. Esta iniciativa consta de 19 medidas e un orzamento para os dous anos de preto de 100 millóns de euros que permitirán beneficiar a unhas 95.000 persoas menores de 30 anos. Entre as medidas novidosas destacan a regulación de prácticas laborais para mozos cualificados (universitarios ou con títulos de formación profesional), que consistirá en financiar as súas prácticas durante nove meses; ou a posta en marcha dun programa de atención preferente no Servizo Público de Emprego de Galicia para mozos e mozas que nin estudan nin traballan. Para este mesmo colectivo, crearanse tamén novos incentivos de contratación, que consistirán en axudas de 200 euros mensuais ata o límite dun ano.