Preto de 400 mozos participaron no primeiro semestre do ano no programa mentor da Xunta que busca a inserción social e laboral

Lun, 25/08/2014 - 12:05
A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, mantivo en Santiago unha xuntanza co director xeral de Política Social e Familia de Estremadura, Juan Bravo, quen se interesou por coñecer de primeira man o programa Mentor que desenvolve a Consellería de Traballo e Benestar en colaboración directa con Igaxes, e que conta con financiamento nun 80 por cento do Fondo Social Europeo. Esta iniciativa está destinada aos mozos e ás mozas maiores de 16 anos con algunha medida de protección ou que cumpran unha medida xudicial por infracción penal. O Goberno estremeño quere poñer en marcha un programa similar, dados os bos resultados acadados con esta iniciativa en Galicia. De feito, González destacou que esta actuación foi considerada como boa práctica a nivel europeo. O representante do Goberno de Estremadura considerou esta iniciativa como “unha ferramenta e vehículo importante para acadar a inserción social e laboral dos menores tutelados”. O programa Mentor ten por obxectivo principal capacitar a estes mozos para a súa integración social e construír un futuro para eles no momento que abandonen o sistema de protección. Nesta iniciativa tomaron parte en 2013 un total de 422 menores dos que se acadou unha inserción laboral de preto de 20 por cento. No primeiro semestre deste ano participaron nesta actuación preto de 400 mozos e mozas. No transcurso deste ano, 60 mozos e mozas asinaron un contrato laboral. González explicou que aos menores ofréceselles educación e formación tendo a empregabilidade como horizonte; créaselles redes de apoio para a súa inclusión e dáselles o máximo apoio para comezar un proceso de autonomía e empoderamento. Así mesmo, o director xeral de Política Social e Familia de Estremadura interesouse polos diferentes programas do departamento autonómico en materia de inclusión social e por outras actuacións do departamento de Familia. Neste ámbito, os representantes de Galicia e Estremadura intercambiaron as súas experiencias. A directora xeral destacou o compromiso da Xunta coa inclusión social en xeral dos colectivos máis vulnerables, como son os mozos e adolescentes, lembrando que ao eido da inclusión destínanse este ano 59, 2 millóns de euros. No eido de Familia, o director xeral de Política Social e Familia de Estremadura mostrou especial interese pola campaña de acollemento familiar que leva a cabo desde hai anos a Xunta para fomentar este proceso entre os galegos e galegas.