Preto de 450 desempregados ampliarán as súas expectativas laborais grazas aos cursos de formación na área de Bergantiños-Costa da Morte

Mér, 31/10/2018 - 08:30

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou as instalacións Forum de Carballo onde se están a impartir sete cursos do Plan Galego de Formación 2018-2019 (AFD) relacionados con Soldadura, servizos de bar e cafetería, electricidade, matemáticas e lingua castelá cun investimento de 332.000 euros.

Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte impartiranse en total 32 cursos a través do Plan galego de formación 2018/2019, nos que poderán participar máis de 448 persoas que ampliarán a súa formación, e que ao remate recibirán os seus correspondentes certificados de profesionalidade, con validez en toda España. Estas accións teñen lugar en centros homologados, que poden ser tanto empresas como concellos e entidades sen ánimo de lucro.

Ovidio Rodeiro apuntou que “a través deste programa a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá na área de Bargantiños-Costa da Morte 1,4 millóns de euros. Trátase dun dos programas de formación máis importantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria porque ofrece aos seus alumnos mellorar a súa capacidade para ser máis competitivos á hora de atopar un emprego”.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/34831/preto-450-desempregados-ampliaran-suas-expectativas-laborais-grazas-aos-cursos