A primeira convocatoria das probas para exercer como xestor de transporte por estrada en empresas de mercadorías e de viaxeiros realizarase o vindeiro 26 de xuño en Santiago

Mér, 09/06/2021 - 11:59

A primeira convocatoria das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte por estrada en empresas de mercadorías e de viaxeiros terá lugar o 26 de xuño en Santiago de Compostela.

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se establece a data destes exames que se levarán a cabo no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: http://xurl.es/93pg0


Os aspirantes serán citados en chamamento único, en horario de mañá ou de tarde, segundo a distribución que será publicada xunto coa relación definitiva de persoas admitidas, na cal se indicará a hora e a porta de entrada asignada.
No exterior do recinto ofrecerase información sobre as medidas de seguridade para o acceso e a realización das probas, sendo obrigatorio, en todo caso, o uso de máscara.

Cómpre lembrar que a Xunta estableceu unha segunda convocatoria que terá lugar entre o 2 de outubro e o 19 de decembro de 2021.


As persoas que desexen acceder á segunda convocatoria disporán desde o 1 ao 23 de agosto de 2021, incluídos ambos os días, para presentar a solicitude.

As inscricións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

En todo caso, o lugar, a data e a hora de realización dos exercicios desta segunda quenda serán acordados polo tribunal e publicados no DOG cunha antelación mínima de quince días naturais á data elixida, tal como nesta primeira convocatoria.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/58836/primera-convocatoria-las-pruebas-para-ejercer-como-gestor-transporte-por-carretera