A produción industrial pecha febreiro cun incremento do 14,7% que sitúa Galicia como a comunidade española que máis medra

Mér, 11/04/2018 - 08:30

Galicia pechou febreiro cun incremento da produción industrial do 14,7%, con respecto ao mesmo mes do ano pasado, o maior crecemento interanual da industria galega desde xullo de 2007. Nos dous primeiros meses deste ano, ademais, o IPI sobe un 9,7% con respecto ao mesmo período de 2017, o que ratifica o destacado papel deste sector na recuperación económica da Comunidade.

O avance do 14,7% do Índice de Produción Industrial (IPI) de Galicia supera en máis de 11 puntos o estatal (que foi dun 3,1%), o que sitúa a Comunidade como a que acadou unha maior suba, seguida de Cantabria (13,3%) e Murcia (9%).

Por sectores, destacan os incrementos na produción de enerxía eléctrica, que achega 5,5 puntos; en metalurxia, que suma 2,7 puntos; en fabricación de produtos metálicos, con 1,7 puntos; e a industria de alimentación con 1,1.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/29560/producion-industrial-pecha-febreiro-cun-incremento-14-7-que-situa-galicia-como