A terceira edición do coworking do Salnés impulsará 22 novos proxectos empresariais

Lun, 11/03/2019 - 08:30

Esta tarde dará comezo a terceira edición do coworking do Salnés, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), onde os promotores de 22 iniciativas de emprendemento recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses para acelerar a posta en marcha das súas iniciativas empresariais.

As actividades dos 23 emprendedores que participan na aceleradora con sede en Vilanova de Arousa céntranse nos sectores turístico e agroalimentario, nos que está especializado esta aceleradora e que son estratéxicos da economía desta comarca. As iniciativas impulsadas nesta edición, inclúen proxectos no ámbito da alimentación, como un de fabricación de doces artesanais e outro de transformación de produtos cárnicos; e iniciativas turísticas e de restauración, como a apertura dunha pizzería e brasería ou a posta en marcha de novos aloxamentos turísticos.

Esta iniciativa forma parte da rede de espazos coworking da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e é un dos tres espazos especializados nun ámbito sectorial, xunto co de Santiago de Compostela centrado nas industrias culturais e tecnolóxicas e o de Ourense, específico do sector da madeira e forestal. Este último mantén aberta a convocatoria da súa segunda edición para incorporar novos proxectos empresariais innovadores no sector da madeira, prioritariamente, pero sen excluír outro tipo de actividades. Agora mesmo están en marcha os coworkings da Mariña lucense, Santiago, Ferrolterra, Celanova e Terras de Limia, Costa da Morte e Ribeira Sacra.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/38248/terceira-edicion-coworking-salnes-impulsara-22-novos-proxectos-empresariais