Traballo apoia cursos formativos de fomento do emprendemento na cámaras de comercio galegas
Mar, 27/05/2014 - 10:48
A Consellería de Traballo e Benestar está a apoiar diversos cursos de formación para o fomento do emprendemento nas cámaras de comercio galegas en colaboración co Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Incyde). É o caso do curso ‘Emprende en Positivo’ que o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, inaugurou na Cámara de Pontevedra.
Martiñá destacou que este proxecto conforma “unha serie de actuacións de apoio ao emprendemento e á creación de emprego” e neste senso lembrou que en 2013 o departamento autonómico apoiou con 63.000 euros a realización de 7 cursos neste eido nas cámaras de comercio.
O director xeral incidiu na aposta do Goberno galego co colectivo dos emprendedores e autónomos de Galicia, e, así, sinalou que ao longo dos últimos catro anos investíronse máis de 122 millóns de euros para apoiar a actividade de 18.000 autónomos e emprendedores.
Así mesmo, Martiñá resaltou que o Plan de Emprego Xuvenil que aprobou o Goberno galego en febreiro deste ano recolle diversas accións para fomentar o emprego autónomo como son as liñas de axuda destinadas ao establecemento do traballador autónomo; á contratación de ata o terceiro traballador por parte dun autónomo; a iniciativas emprendedoras e de emprego; á creación dunha cooperativa; e ao asesoramento técnico a través da Rede Eusumo. Ademais, apuntou que os orzamentos de 2014 da Xunta inclúen incentivos para os emprendedores, tanto no apoio directo, como no ámbito fiscal.
Por último, o responsable da área autonómica recordou que a finais de decembro entrou en vigor a Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, a primeira normativa que dá cobertura e apoio aos emprendedores en Galicia. A nova norma ten como finalidade primordial incentivar a creación e implantación de empresas en Galicia. “O propósito do Goberno galego é sentar unha base sólida e estable e ofrecer aos autónomos e emprendedores as máximas facilidades para desenvolver a súa actividade”, concluíu.
