Traballo apoia o labor de Cegasal coas persoas con discapacidade achegando desde 2009 máis de 17 millóns de euros

Lun, 31/03/2014 - 11:29
A Consellería de Traballo e Benestar está a apoiar o labor que desenvolve a Asociación Empresarial galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal) coas persoas con discapacidade con máis de 17 millóns de euros desde o ano 2009 en materia de emprego. Así o destacou a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, na Coruña no acto de integración deste colectivo, que aglutina a 34 centros especiais, na Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). Mato sinalou que son 34 empresas de toda Galicia que o ano pasado deron emprego a 700 traballadores e traballadoras con discapacidade. A conselleira resaltou a importancia de seguir a fortalecer o labor dos centros especiais de emprego que en Galicia suman un total de 114. Por iso, indicou que o Goberno galego está a destinar só a este colectivo este ano 7,5 millóns de euros, que vai permitir subvencionar o emprego de preto de 2.000 traballadores e traballadoras con discapacidade. “Con esta achega imos subvencionar o contrato de todos os traballadores con discapacidade dos centros especiais de emprego da nosa Comunidade”, precisou Mato. A titular de Traballo apuntou, así mesmo, que, en xeral, para os programas que unen emprego e discapacidade a Xunta está a investir este ano 17,4 millóns de euros, un 8 por cento máis que o exercicio anterior. En global para as persoas con discapacidade, o orzamento para ese ano é de 97 millóns de euros, un 6 por cento máis que en 2013. Por último, Mato apelou á responsabilidade social dos empresarios que apoian o traballo das persoas con discapacidade e gabou o feito de que dea a este colectivo a oportunidade de mostrar as súas capacidades e habilidades.