Traballo apoia os emprendedores e autónomos a través do Plan de emprego xuvenil que xa ten en execución o 95% das súas medidas
Ven, 30/05/2014 - 10:41
A Consellería de Traballo e Benestar segue a apostar polo colectivo dos emprendedores e autónomos de Galicia e, neste senso, destaca o Plan de Emprego Xuvenil que aprobou o Goberno galego en febreiro deste ano, que recolle diversas accións para fomentar o emprego autónomo. Das 19 medidas que inclúe esta iniciativa, xa están en execución un total de 18.
Así o destacou hoxe a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, na inauguración na Coruña do ‘III Leadership Fórum Galicia. Encontro de superación. Habilidades directivas e coaching’. Díaz López sinalou que entre as liñas de axudas do Goberno galego para o emprendemento resaltan as destinadas ao establecemento do traballador autónomo; á contratación de ata o terceiro traballador por parte dun autónomo; a iniciativas emprendedoras e de emprego; á creación dunha cooperativa; e ao asesoramento técnico a través da Rede Eusumo. Ademais, apuntou que os orzamentos de 2014 da Xunta inclúen incentivos para os emprendedores, tanto no apoio directo, como no ámbito fiscal.
Díaz López sinalou que esta mesma semana publicáronse no Diario Oficial de Galicia dúas ordes de axudas destinadas a promover o emprego autónomo, ás que a Consellería de Traballo e Benestar destinará 15,3 millóns de euros para beneficiar a 3.300 autónomos e autónomas de Galicia. Resaltou que unha das convocatorias é específica para os menores de 30 anos, unha liña de axudas ás que se destinarán 4,5 millóns para beneficiar a preto de 1.500 mozos. A estes dous programas para fomentar o emprego autónomo se suman outras axudas da Consellería de Traballo e Benestar para este mesmo fin, como son o programa para persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas; subvencións para iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E); e o programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT). En global, a Consellería de Traballo e Benestar blindou este ano o orzamento destinado a autónomos con 25 millóns de euros.
Por último, a responsable da área autonómica recordou que a finais de decembro entrou en vigor a Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, a primeira normativa que dá cobertura e apoio aso emprendedores en Galicia. A nova norma ten como finalidade primordial incentivar a creación e implantación de empresas en Galicia. “O propósito do Goberno galego é sentar unha base sólida e estable e ofrecer aos autónomos e emprendedores as máximas facilidades para desenvolver a súa actividade”, concluíu.
