Traballo blinda este ano con 63 millóns de euros a formación destinada a persoas desempregadas

Lun, 17/02/2014 - 10:17
A Consellería de Traballo e Benestar vén de blindar para este ano 2014 a partida económica destinada á formación de persoas desempregadas, que volverá a contar con 63 millóns de euros. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, destacou hoxe na Coruña esta actuación do Goberno galego, facendo especial fincapé na formación destinada aos mozos e mozas galegos, no transcurso da súa intervención en Laboralia, un programa de formación organizado polo Consello Social e a Fundación da Universidade da Coruña, en colaboración con Fundación Ronsel, que pretende promover a ocupabilidade dos estudantes e titulados universitarios. Mato asegurou que a Xunta segue a traballar por mellorar a empregabilidade dos traballadores e traballadoras galegos, o obxectivo principal das políticas activas de emprego que impulsa o Goberno galego. Un dos eixos fundamentais destas iniciativas é a formación, xa que Mato afirmou que “a maior nivel de formación, máis oportunidades de abrirse oco no mercado laboral”. Neste senso, lembrou a aposta do departamento autonómico pola “formación de calidade vinculada a unha verdadeira mellora do curriculum” e, por iso, afirmou que practicamente o 100 por cento dos cursos que se financian a través da Consellería están vinculados á obtención dun certificado de profesionalidade de validez estatal. “Este compromiso coa formación certificada é unha firme aposta deste Goberno, e, deste xeito, puxemos a Galicia á cabeza das autonomías na certificación das nosas actividades formativas”, detallou a conselleira. Así, desde 2009, máis de 36.000 traballadores e traballadoras obtiveron un certificado de profesionalidade en Galicia. Formación dual Así mesmo, Mato puxo énfase nos contratos de formación dual destinados a desempregados menores de 30 anos que está a impulsar a Xunta de forma voluntaria e pioneira, a través do financiamento das actividades de formación, sempre que excedan, como mínimo, o 25 por cento da xornada laboral. Polo tanto, é un contrato que ofrece simultaneamente formación e inserción laboral cun salario acorde ao convenio colectivo e está deseñado especialmente para aqueles mozos e mozas que contan cunha baixa cualificación. Ata o de agora, a Xunta xa impulsou a sinatura dun total de 55 contratos de formación dual para os que se investiron 160.000 euros. Lei de emprendemento Ademais da formación, a conselleira resaltou as iniciativas da Administración autonómica co emprendemento e os autónomos, un apoio que permitiu desde 2009 que os emprendedores galegos iniciaran 15.000 novos proxectos de negocio. Mato, ademais, indicou que a Xunta vén de aprobar a primeira Lei de Emprendemento e da Competitividade Económica de Galicia que busca eliminar as trabas burocráticas e facilitar a apertura dos novos negocios. Por último, a titular de Traballo sinalou que a Xunta seguirá este ano financiando de forma pioneira a contratación indefinida de traballadores por parte dun autónomo, unha medida que permitiu o ano pasado beneficiar a 400 persoas grazas a un investimento de 2,3 millóns de euros.