Traballo inviste 1,5 millóns en fomentar actuacións de prevención de riscos laborais entre asociacións empresariais e profesionais

Ven, 28/03/2014 - 10:29
A Consellería de Traballo e Benestar inviste máis de 1,5 millóns de euros para financiar actuacións de fomento da prevención de riscos laborais a realizar por asociacións empresariais e profesionais. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria desta orde de axudas, que se destinarán principalmente a accións de formación intersectorial (xornadas técnicas, seminarios...), así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e os aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entre os distintos sectores. O obxectivo desta orde, que se convoca en réxime de concorrencia competitiva, é impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e procurar o fomento dunha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo. Consta de dúas liñas. Dunha banda, cun importe de 300.000 euros, subvencionaranse programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais en Galicia; e, doutra banda, cun orzamento de 1.190.000 euros, outras accións de fomento da prevención de riscos laborais, tales como formación, estudos e traballos técnicos e difusión, e sensibilización e intercambio de experiencias. Os beneficiarios desta iniciativa poden ser asociacións patronais; fundacións sectoriais paritarias; organizacións sindicais; asociacións empresariais de ámbito galego, provincial ou autonómico; asociacións profesionais de traballadores e traballadoras autónomas. Xa no que se refire ás actividades, finánciase desde a formación específica sectorial en prevención de riscos; a realización de estudos de investigación e prospección para a análise e mellora das condicións de traballo en determinados sectores; ata outras accións de sensibilización e intercambio de experiencias, como a realización de materiais e ferramentas prácticas para implantar actuacións en seguridade e saúde laboral.