Traballo promove a responsabilidade social empresarial a través das firmas de nova creación vinculadas ás novas tecnoloxías
Ven, 16/05/2014 - 10:00
A Consellería de Traballo e Benestar está a promover a incorporación dos principios da Responsabilidade Social Empresarial nas ‘Star Ups’, as empresas de nova creación que presentan grandes posibilidades de crecemento e polo xeral están vinculadas á innovación e ás novas tecnoloxías. Así o destacou en Santiago o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, na inauguración dunha xornada sobre RSE na cadea de valor da madeira.
O responsable da área autonómica destacou que a través do programa ‘Start Up, Stand Up’, que se enmarca no programa europeo Enterprise 2020 e que está a desenvolver o departamento autonómico, estase a promover a RSE, así como o emprego xuvenil e a formación dos traballadores e traballadoras de Galicia nas novas tecnoloxías. “Estamos a cimentar a RSE como un mecanismo de xestión empresarial de presente e, sobre todo, de futuro”, apuntou Martiñá, quen apoiou tamén no acto a guía específica de RSE no sector da madeira que desenvolveu a Consellería. O sector da conserva, o téxtil e o de automoción xa contan con publicacións similares editadas polo departamento autonómico.
No campo da Responsabilidade Social Empresarial, Martiñá lembrou que o Goberno galego está a actualizar e optimizar o Observatorio Permanente de RSE para facelo máis proactivo e acorde ás necesidades reais das empresas e cidadáns e, en definitiva, para convertelo un punto de encontro para as empresas e institucións. O que se pretende, segundo explicou o director xeral, é consolidar o posicionamento do Observatorio como referente da RSE en Galicia, reforzar o contido das súas actuacións e convertelo nunha plataforma para medir e avaliar o estado da RSE en Galicia.
Para levar a cabo esta iniciativa, estase a avanzar no grado de coñecemento da realidade empresarial galega en relación coa RSE; estase a poñer en marcha mecanismos de formación e sensibilización, como cursos e seminarios, dirixidos ás empresas e os seus traballadores; estanse a realizar proxectos de investigación e estudos nesta materia e a establecerse redes de traballo e diálogo tanto a nivel nacional como transfronteirizo; e, por último, estanse a promover novos espazos de diálogo entre a sociedade civil e as administracións públicas de forma que se avance no coñecemento e potencialidades da RSE.
Así mesmo, no ámbito da Responsabilidade Social Empresarial, Martiñá destacou que a Consellería de Traballo e Benestar está a impulsar a posta en marcha do proxecto ‘Grupo de Representación Empresarial Galego’, composto por 13 empresas punteiras en Galicia, que está destinado a axudar ás Pemes na iniciación da RSE a través do asesoramento, o acompañamento e a experiencia destas 13 grandes empresas galegas. Ademais, a Xunta conta coa ferramenta Pro-RSE, dispoñible na páxina web da Consellería, para que as empresas galegas poidan de forma gratuíta integrar as variables de RSE na xestión do seu negocio dunha maneira sinxela e gráfica.
Rede Transrexional
Por último, Martiñá lembrou que o departamento autonómico está a liderar a Rede Transrexional de RSE que ten como obxectivo prioritario fomentar a definición das novas vías de promoción deste ámbito por parte das administracións públicas cara ás Pemes. Nesta rede, creada en 2012, participan, ademais de Galicia, o Goberno de Navarra, o cabildo de Tenerife e Uniminho, a Asociación do Val do Miño Transfronteirizo.
En definitiva, o director xeral destacou que a RSE é “un modelo alternativo, moderno e emerxente que está comprometido coa nosa sociedade no seu conxunto e coas persoas que a conforman de maneira individual”.
