Traballo promove o sector da alimentación das cooperativas galegas cun proxecto que inclúe xornadas e a elaboración dun menú

Mar, 20/05/2014 - 11:36
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e o Consello Galego de Cooperativas, promoverá desde onte e ao longo do mes de xuño o sector da alimentación das cooperativas galegas cun proxecto que inclúe un conxunto de accións orientadas a consolidar o recoñecemento destes produtos galegos entre os consumidores. O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, inaugurou en Santiago a primeira das actuacións desta iniciativa, unha xornada gastronómica que se celebrou na Cidade da Cultura baixo o título ‘Menú: Cooperativas de Galicia’. O 13 de xuño repetirase esta mesma actividade en Silleda. Os pratos deseñados para estas xornadas están elaborados por cociñeiros galegos de recoñecido prestixio, pertencentes ao Grupo Galicia Gorumand, que colabora co proxecto do departamento autonómico. Nas dúas xornadas presentarán tanto os segredos da elaboración dos pratos como as principais bondades dos produtos cooperativos que se usaron para cociñalos. Na xornada celebrada, ademais, Martiñá presentou outra das accións do proxecto, a elaboración dun libro-receitario, que se editará en papel e que tamén estará dispoñible na web da Consellería de Traballo e Benestar en versión dixital, para a súa descarga. Esta publicación, segundo explicou Martiñá, recollerá atractivas receitas de pratos elaborados con produtos das cooperativas participantes nesta iniciativa. No mes de xuño, ademais da xornada de Silleda, ofrecerase un menú cooperativo nos restaurantes socios do Grupo Galicia Gourmand co obxecto de captar o interese do consumidor e promover simultaneamente a solidariedade con Galicia mediante o recoñecemento dos valores e principios cooperativos, sempre asociados á produción de calidade e á vinculación co territorio que ofrecen os seus produtos. En definitiva, e, tal e como afirmou o director xeral, o obxectivo deste proxecto é demostrar a excelencia dos sabores e a potencialidade dos produtos das cooperativas galegas especializadas en viño, carne, mel, queixo e pesca. “Agárdase potenciar o consumo do produto cooperativo galego no seu mercado de orixe”, concluíu Martiñá.