Trenor destaca o investimento de 2,4 M€ en programas de emprego da Xunta nos concellos da comarca da Santiago que crearán 148 postos de traballo

Mér, 28/07/2021 - 11:59

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o obradoiro de emprego dual de Negreira, Programa de Emprego Mocidade 2020, no que se están a formar a 16 desempregados en albanelería e en actividades auxiliares de xardinería.

Durante a visita o representante do Goberno autonómico destacou que os programas de emprego, incluídos os obradoiros de garantía xuvenil, xa resoltos nestes momentos pola Consellería de Emprego e Igualdade permitirán a contratación de 148 desempregados da comarca de Santiago, grazas a un investimento de 2,4 millóns de euros, para prestar servizos aos concellos.

Trenor lembrou que nestes momentos a Xunta xa resolveu os programas de emprego para a contratación de Socorristas, de personas perceptoras de Risga e Aprol rural para a prevención de incendios.

Grazas a estes tres plans de emprego os concellos da área de Santiago recibirán máis dun millón euros para contratación de 85 desempregados para realizar distintas tarefas e servizos de interese público.

O delegado da Xunta recalcou que nestes momentos están tamén resoltos os obradoiros de garantía xuvenil cos que a Xunta apoiará na comarca de Santiago un obradoiro en Santiago de Compostela con dúas especialidades, unha en desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e outro de desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos.

A mancomunidade de Ordes tamén contará cunha axuda para programar un taller de fábricas de albanelería e de traballos de carpintería e moble; o Concello de Teo centrará o seu obradoiro en programación con linguaxes orientados a obxectos e bases de datos relacionais e finalmente o Concello de Rois programará un taller de confección e publicación de páxinas web.

En total formaranse a 63 alumnos, cun investimento de máis de 1,4 millóns de euros.

Nas vindeiras semanas está previsto que se resolvan os obradoiros ordinarios que tamén suporán un importante impulso para a creación de emprego nos municipios desta zona de influencia.

Este tipo de iniciativas enmárcanse na prioridade da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade na Comunidade e completan outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos concellos galegos como as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8M€ para a contratación de 280 persoas ou os Programas Integrados de Emprego, que xa están convocados, cun orzamento de 10M€ para apoiar a contratación de 4.000 persoas en concellos e entidades sen ánimo de lucro.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/60481/trenor-destaca-investimento-2-4-programas-emprego-xunta-nos-concellos-comarca