Un cento de desempregados formaranse nos sectores agrario e de servizos no Programa Integrado Avanza na Mariña Lucense II

Xov, 08/11/2018 - 08:30

Un total de 100 persoas sen emprego están a participar no Programa Integrado de Emprego (PIE) Avanza na Mariña Lucense II que comezou esta semana en Burela e do que participan tamén os concellos de Alfoz, Barreiros, Foz, A Pontenova, Riotorto, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentaron hoxe a iniciativa que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria con 250.000 euros e que ten por obxectivo incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. De feito, o obxectivo mínimo de inserción laboral fixado para este programa é do 35%.

En Avanza na Mariña Lucense II, os participantes recibirán cualificación principalmente nos sectores agrarios e de servizos por ser os dous ámbitos con máis saídas laborais na zona. Así, formaranse durante un ano, ata finais de outubro de 2019, en operacións básica de restaurante, agricultura ecolóxica, instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, operacións auxiliares en conservación e mellora de montes e en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/35105/cento-desempregados-formaranse-nos-sectores-agrario-servizos-programa-integrado