Un encontro empresarial impulsado pola Xunta abordará mañá en Santiago a relevancia de anticiparse ás transformacións tecnolóxicas
Pemes, expertos e representantes da Xunta debaterán mañá en Santiago de Compostela sobre a relevancia que supón para as empresas galegas anticiparse aos cambios nos modelos de produción que facilitan as tecnoloxías emerxentes, no marco do encontro empresarial A sociedade intelixente: co-creando o futuro, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia, ao abeiro do programa Capacita Directivos.
No encontro, que se celebrará no Club Financeiro de Santiago (Letonia, 2, no polígono de Costa Vella) a partir das 9 horas, debaterase tamén sobre o papel clave do capital humano para anticiparse ás transformacións tecnolóxicas. Está destinado a empresarios e directivos das pemes galegas, representantes de asociacións empresariais sectoriais e clústers, representantes da universidade, laboratorios tecnolóxicos e centros de investigación e desenvolvemento.
