Un total de 100 desempregados da Coruña recibirán asesoramento, formación e prácticas en Agarimo a través dun dos programas integrados de emprego para entidades da Xunta

Mar, 04/12/2018 - 08:30

O delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as instalacións da asociación Agarimo en Arteixo. Unha das entidades beneficiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria pola orde de axudas para implantar Plans Integrados de Emprego en asociacións. Esta entidade recibirá unha achega de 250.000 euros para impartir formación a 100 alumnos.

O representante do goberno autonómico informou que nesta provincia se impartirán en total 10 cursos adxudicados a entidades para formar a 1.000 persoas e suporán un investimento de máis de 2,1 millóns de euros. Concretamente, en UGT Galicia, Asociación de Empresarios e Profesionais Compostela Monumental, Asociación Agarimo, Fundación Laboral da Construción, Fundación Nortempo, Asociación Área Empresarial Polígono do Tambre, Confederación de Empresarios da Coruña, Fundación Paideia Galiza, UGT Fica Galicia e Saúde Mental Feafes Galicia. Para poder acceder a algúns destes cursos os interesados deberán poñerse en contacto con Servizo Público de Emprego.

O obxectivo desta formación é mellorar a preparación das persoas desempregadas e darlles máis opcións para atopar un emprego a través de actuacións que buscan a especialización grazas á posibilidade de combinar orientación e asesoramento con formación e prácticas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/35916/total-100-desempregados-coruna-recibiran-asesoramento-formacion-practicas-agarimo