UNS 280 MOZOS E MOZAS PODERÁN REALIZAR PRÁCTICAS NUN TOTAL DE 36 PAÍSES NO MARCO DO PROGRAMA GALEUROPA DE XUVENTUDE
Xov, 29/05/2014 - 10:40
Uns 280 mozos e mozas poderán realizar prácticas nun total de 36 países no marco do programa ‘Galeuropa’, posto en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar. O número e listaxe definitiva de beneficiarios –e, en consecuencia, de países- estará definida na primeira quincena de xuño.
Así o destacou o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, na inauguración dunha xornada cos participantes preseleccionados. O programa ‘Galeuropa’, cun orzamento de 600.000 euros, permite realizar prácticas formativas de 8 semanas de duración en calquera país do mundo, agás España, a mozos e mozas menores de entre 18 e 30 anos.
Os preseleccionados posúen coñecemento da lingua do país de destino elixido para a realización da práctica formativa e están en posesión do título universitario de grao ou equivalente, título de grao medio ou superior de técnico ou técnico superior de Formación Profesional, de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño ou de ensinanzas deportivas.
Os mozos e mozas preseleccionados nesta iniciativa solicitaron desenvolver as súas prácticas formativas en 36 países: Reino Unido, Portugal, Irlanda, Países Baixos, Brasil, Italia, Francia, Dinamarca, Malta, Alemaña, República Checa, Finlandia, Chile, Suecia, Estados Unidos, México, Cabo Verde, Grecia, Bélxica, Austria, Suíza, Romanía, Turquía, China, Bolivia, Albania, Eslovaquia, Letonia, Noruega, Ecuador, Croacia, Namibia, Australia, Polonia, India e Honduras.
A contía da axuda establécese en función do país de destino,e varía entre os 1.465 euros e os 2.400 euros. A orde prevé un anticipo do 80 por cento da axuda.
Rodeiro destacou que a mobilidade permite mellorar as competencias sociais dos mozos e mozas, e dotar á comunidade de profesionais con novos coñecementos, tanto da súa especialidade como do mundo empresarial internacional.
Neste sentido, lembrou que en xuño abrirase o prazo de inscrición para outro programa de mobilidade, o ‘Eurogal’, bolsas Leonardo da Vinci para estadías de 12 semanas de duración para a realización de prácticas laborais en cinco países europeos: Francia, Italia, Irlanda, Polonia, Hungría e República Checa. En total, son 45 prazas de mobilidade para os sectores de hostalería, turismo, administrativo, electricidade e enerxía, marketing e comercio, informática e agroalimentario.
Xornada
O programa da xornada, na que están a participar os preseleccionados, inclúe dous relatorios. O primeiro deles será “Novos horizontes laborais. Creación de spin-offs”, a cargo do director da área de valorización, transferencia e emprendemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xosé Luis Villaverde Acuña. O segundo relatorio leva por nome “Internacionalización do mercado. Modelo de integración das experiencias laborais no mercado local”, impartido por Juan Feijoo Casanova, responsable de programas de internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) da Xunta de Galicia.
Ademais, durante a xornada desenvolverase a mesa redonda “Compartindo experiencias”, nas que os preseleccionados coñecerán de primeira man as experiencias doutros participantes en distintos programas de mobilidade.
