A Xunta abre ata o 4 de novembro o prazo de solicitude das axudas para a contratación de máis de 250 técnicos de emprego

Mar, 08/10/2019 - 08:30

A Xunta investirá 3,3 millóns de euros no impulso da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia apoiando a contratación e o mantemento de máis de 250 axentes que na actualidade forman esta infraestrutura especializada na promoción do emprego. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria deste ano, que ten como obxectivo contribuír á dinamización e xeración de novas actividades empresariais no ámbito local e rural e á inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. O prazo de solicitude, tanto para os concellos como para as entidades sen ánimo de lucro, remata o próximo 4 de novembro.

O Goberno galego, dunha banda, destina 2,2 millóns para apoiar nos concellos a contratación ou prórroga dos axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) que colaboran na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial. O traballo destas persoas consiste fundamentalmente en axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos, o que contribúe a impulsar a aposta do Goberno galego por fixar poboación no rural.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/43540/xunta-abre-ata-4-novembro-prazo-solicitude-das-axudas-para-contratacion-mais?langId=gl_ES