A Xunta abre hoxe o prazo de solicitude para as probas de avaliación en competencias clave

Mér, 06/03/2019 - 08:30

A Xunta abre hoxe o prazo de solicitude para as probas de avaliación en competencias clave, uns exames que permiten ás persoas sen ESO ou Bacharelato o acceso aos cursos de formación vinculados aos certificados de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria deste ano que organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Estas probas, polo tanto, diríxense ás persoas que non posúen os requisitos de formación básica (ESO para o nivel 2 ou Bacharelato para o 3) requiridos para acceder aos cursos dos certificados de profesionalidade, co fin de que a través destas probas podan demostrar que posúen os coñecementos e capacidades básicas que lles permitan acceder e cursar con aproveitamento esta formación para o emprego.

Os interesados en realizar estas probas- de matemáticas, lingua castelá, inglés e galego- poderán presentar a súa solicitude ata o próximo 29 de marzo. A publicación da lista provisional de admitidos será o 30 de abril e ata o 7 de maio poderán presentarse alegacións. A publicación da lista definitiva terá lugar o 22 de maio. Os exames terán lugar o 25 de maio no Recinto Feiral de Silleda. As probas para o nivel 2 serán na quenda de mañá e para o nivel 3 pola tarde.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/38109/xunta-abre-hoy-plazo-solicitud-para-las-pruebas-evaluacion-competencias-clave