A Xunta achega aos emprendedores de AJE Vigo as axudas para que os autónomos creen emprego e consoliden os seus negocios

Xov, 06/02/2020 - 08:30

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, participou hoxe nun encontro con AJE Vigo no que informou das axudas por preto de 24,5 millóns de euros publicadas esta mesma semana pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a creación de emprego autónomo e axudar as persoas que traballan por conta propia a consolidar os seus negocios, crear emprego e conciliar a vida familiar e laboral. En total, con estas medidas espérase beneficiar a máis de 7000 autónomos e traballadores e a arredor de 545 empresas, achegando un apoio integral a este colectivo clave para a economía galega.

No encontro, Covadonga Toca tivo tamén a oportunidade de escoitar as suxestións e as inquedanzas dos emprendedores vigueses, aos que trasladou as principais novidades das axudas deste ano. Así, entre as iniciativas que se poñen en marcha por primeira vez destaca o bono de Nova Oportunidade, para o que se dispón dun millón de euros e que facilita que volvan emprender autónomos que estiveron á fronte de iniciativas que non foron adiante. Tamén se activa o Bono Renova, dotado cun millón de euros, que facilita a transmisión xeracional dos negocios. Ademais, a través dun acordo de colaboración coa Fundación Ronsel ao que se destinarán 250.000 euros, desenvolverase un proxecto piloto de mentoring para autónomos.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/46814/xunta-aporta-los-emprendedores-aje-vigo-las-ayudas-para-que-los-autonomos-creen