A Xunta achega as súas certificacións de profesionalidade e de recoñecemento da experiencia profesional a máis de 1.000 persoas

Mar, 17/11/2020 - 08:30

A Xunta vén de remitir a un total de 1.304 galegos e galegas cadanseus certificados de profesionalidade ou de recoñecemento da súa experiencia profesional, ante a imposibilidade de poder celebrar, como é habitual, un acto público de entrega, por mor das restricións sanitarias. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quixo recoñecer o seu traballo e dirixe a cada un dos destinatarios unha misiva na que fai constar a importancia destas acreditacións que permiten “sacar do anonimato o traballo de miles de mulleres e homes en profesións que esixen dun importante saber e dedicación”.

Lorenzana destaca que a Xunta traballa cada día para “facilitar e axudar a descubrir o enorme potencial profesional de galegos e galegas que teñen demostrado con anos de experiencia unha contribución máis que salientable á riqueza da nosa terra”.

As acreditacións permiten validar de xeito oficial os coñecementos da cidadanía e promocionar a valía das persoas que, a pesar de contar cunha proveitosa vida laboral, non tiñan posibilidade de por en valor o seu exercicio.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/53105/xunta-envia-sus-certificaciones-profesionalidad-reconocimiento-experiencia-profesional