A Xunta activa apoios por 16 M€ para a implantación de medidas de protección no sector comercial, o turismo, os servizos e o transporte

Ven, 26/06/2020 - 08:30

Autónomos, pemes e entidades de economía social poden solicitar xa as axudas das dúas liñas de apoios pertencentes aos programas Reactiva Comercio Servizos Seguros, dotados en total con 16 millóns de euros. A iniciativa, na que colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo (no marco do plan Galicia destino seguro); e Infraestruturas e Mobilidade, ten por obxectivo impulsar a reactivación dos sectores dos servizos, o comercio, o turismo e o transporte apoiando a instalación de medidas de protección que garantan a seguridade de traballadores e clientes. O prazo de presentación de solicitudes, en concorrencia non competitiva, permanecerá aberto ata o 31 de xullo ou ata o esgotamento do crédito.

As liñas achegarán apoios inmediatos a establecementos galegos para facilitar a súa volta á actividade ofrecendo a máxima confianza aos consumidores no novo contexto económico, ao tempo que, no marco do programa Galicia destino seguro, favorecen a adaptación á nova situación, promocionando a Comunidade como un destino fiable e de calidade.

Mediante unha tramitación rápida e sinxela, que inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados, poden obterse apoios para iniciativas novas ou xa realizadas desde a declaración do estado de alarma. Destinaranse a cubrir os gastos realizados para a adquisición de equipos de protección individual e de desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/49926/xunta-activa-apoyos-por-16-para-implantacion-medidas-proteccion-sector-comercial