A Xunta activa o novo programa de formación dual para impulsar a integración laboral das persoas con discapacidade intelectual

Mér, 09/10/2019 - 08:30

A Xunta vén de activar, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, o novo programa de formación dual destinado a persoas con discapacidade intelectual que permitirá impulsar a súa integración laboral a través da cualificación e a experiencia profesional. A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 3 millóns de euros a esta iniciativa, que se desenvolverá en colaboración cos centros especiais de emprego, que poden presentar as súas solicitudes ata o 4 de novembro.

En total, prevese que se poidan beneficiar arredor de 80 persoas. Os alumnos, que deberán estar inscritos como demandantes de emprego, contarán cun contrato para a formación e a aprendizaxe de tres anos de duración, e poñeranse en marcha itinerarios formativos adaptados e estables que lles permitirán obter certificados de profesionalidade. Os centros especiais de emprego que soliciten a súa participación no programa deberán estar cualificados como centros sen ánimo de lucro e contar cun mínimo de 10 traballadores, dos cales polo menos o 30% deben ter discapacidade intelectual. Os apoios, que alcanzan os 36.750 euros por traballador, concederanse en réxime de concorrencia competitiva.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/43585/xunta-activa-novo-programa-formacion-dual-para-impulsar-integracion-laboral-das