A Xunta agradece a predisposición da empresa familiar galega a consensuar medidas para achegar solucións económicas ás pemes e aos autónomos

Ven, 20/03/2020 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe por videoconferencia co presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, e coa xunta directiva da entidade, para avaliar o impacto económico do coronavirus. Conde agradeceulles a predisposición a colaborar e promover, desde o consenso, medidas que acheguen solucións económicas e laborais para as pemes e os autónomos.

O conselleiro trasladoulles que a Xunta está analizando as medidas adoptadas polo Goberno e que está estudando como complementalas con novos apoios que se van avaliar no Consello do vindeiro venres. Nese sentido, as achegas dos diferentes axentes sociais, engadiu, van ser fundamentais á hora de mellorar e completar desde Galicia as iniciativas propostas polo Goberno, prestando especial atención aos traballadores e ás súas familias, ás pemes e aos autónomos.

Segundo apuntou, o Executivo autonómico está facendo unha rolda de consultas coas confederacións de empresarios, sindicatos, cámaras de comercio, clústers e autónomos para abordar a situación provocada polo coronavirus e, nesa rolda de contactos, dixo, a empresa familiar é un colectivo estratéxico para a economía galega.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/48031/xunta-agradece-predisposicion-empresa-familiar-galega-consensuar-medidas-para