A Xunta amplía ata a vindeira semana o prazo de convocatoria das unidades formativas en empresas

Lun, 04/02/2019 - 08:30

Ata o vindeiro día 11 de febreiro as empresas que vaian convocar unidades formativas para profesionais en activo ou para persoas desempregadas aínda poden solicitar as axudas que a Xunta pon á súa disposición, logo de que se ampliase a terceira convocatoria deste programa unha semana máis.

Desta ampliación do prazo de presentación de solicitudes deu conta hoxe o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, nunha visita que realizou á unidade formativa da empresa Navaliber, en Vigo. Esta empresa de habilitación naval remata precisamente o vindeiro luns este curso formativo que imparte a través da Fundación Laboral da Construción entre 15 alumnos desempregados. Un curso sobre operacións de montaxe de elementos de habilitación para a construción naval que comezou o pasado mes de outubro e co que adquire un compromiso de contratación dun 40% dos participantes durante, polo menos, seis meses.

A terceira convocatoria deste programa de formación conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros para formar a 2000 traballadores e persoas sen emprego en 160 unidades formativas. Do que se trata con esta medida é de dar resposta aos novos perfís profesionais que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías.

Nas Unidades Formativas na Empresa para desempregados investiranse 2 millóns de euros para formar a 1200 parados a través de 80 unidades. Doutra banda, para cualificar a 800 ocupados, destínanse 1,5 millóns de euros para poñer en marcha 80 cursos. No caso do programa para desempregados, a actuación inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida, o que implica 480 persoas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/37190/xunta-amplia-ata-vindeira-semana-prazo-convocatoria-das-unidades-formativas-empresas