A Xunta anima aos emprendedores do coworking de Santiago a seguir apostando polas TIC e o impulso á industria cultural

Xov, 04/07/2019 - 08:30

O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe na Cidade da Cultura os servizos e axudas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición das novas empresas no peche do coworking de Santiago, onde os 24 emprendedores participantes nesta cuarta edición presentaron os seus proxectos empresariais despois de completar o proceso de formación e asesoramento.

Os novos empresarios, que desenvolveron 19 iniciativas neste espazo de emprendemento, que impulsa a Xunta, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), optaron por diferentes sectores de actividade como o dos servizos tecnolóxicos e formativos apoiados nas TIC, empresas de apoio e fomento á cultura galega, iniciativas do ámbito da comunicación e produción audiovisual, do turismo ou da moda, entre outros.

O coworking de Santiago, que nas tres edicións anteriores apoiou 65 iniciativas emprendedoras, forma parte da rede de espazos creada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, en colaboración coa EOI. O obxectivo fundamental das iniciativas da aceleradora, que contan con cofinanciamento do Fondo Social Europeo (FSE), é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/41265/xunta-anima-aos-emprendedores-coworking-santiago-seguir-apostando-polas-tic-impulso