A Xunta anima aos emprendedores a protagonizar un cambio de cultura que impulse a posta en marcha de novos proxectos

Ven, 07/06/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou, durante un encontro organizado esta mañá por AJE Vigo, que a Xunta leva investido, desde 2009, un total de 203 millóns de euros en axudas para impulsar o emprego autónomo en Galicia. Neste sentido, animou aos emprendedores a protagonizar este cambio de cultura que impulse a posta en marcha de novos proxectos na Comunidade.

Conde, que asegurou que os xoves empresarios e emprendedores galegos son os verdadeiros protagonistas do crecemento económico, tivo a oportunidade de escoitar de primeira man as experiencias e suxestións deste colectivo, así como de trasladarlles que a prioridade da Xunta é que a ningún emprendedor e autónomo lles falte o apoio necesario para consolidar a súa iniciativa.

O conselleiro explicou que as medidas deseñadas polo Goberno galego buscan acompañar a este colectivo en todas as etapas. Puxo como exemplo as axudas para a conciliación que se acaban de convocar e que se amplían ata os 12 meses. Tal e como subliñou, a vocación dos apoios da Xunta é a de axudar ao tecido empresarial a anticiparse aos cambios e a poder medrar máis rápido, mediante programas que se centran en impulsar a dixitalización nas pemes, o financiamento, a modernización do sector comercial, en incentivar a contratación ou en favorecer a formación á carta.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/40367/xunta-anima-aos-emprendedores-protagonizar-cambio-cultura-que-impulse-posta-marcha