A Xunta apoia 11 contratos de persoal de alta cualificación en oito empresas e tres centros de investigación de Santiago, Vigo, a Coruña e Lugo

Mér, 15/07/2020 - 08:30

A Xunta vén de resolver a terceira convocatoria do programa Talento Sénior ao que destinará 905.405,91 euros para seguir consolidando o sistema galego de I+D+i, así como para atraer e reter talento.

As axudas, centradas na atracción e retorno de investigadores doutores e tecnólogos con carreiras consolidadas, permitirá apoiar un total de 11 contratos. En concreto, beneficiaranse desta iniciativa oito empresas e tres organismos de investigación e centros tecnolóxicos da área de Vigo, Santiago, Lugo e A Coruña que contarán con especialistas en eidos da I+D+i ligados á biotecnoloxía, enerxía, medio ambiente, saúde, fabricación industrial, servizos profesionais científicos e técnicos ou tecnoloxías da información. Os beneficiarios son Edafotec, Energanova, Eccocar Sharing; Netun Solutions, Instituto de Investigacións Mariñas e Aimen, na área de Vigo; Linknovate Science, Mestrelab Research, Galaria Empresa Pública de Servicios Sanitarios, en Santiago de Compostela; a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia, na Coruña; e Technology Energy Chain XXI, en Lugo.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/50228/xunta-apoia-11-contratos-persoal-alta-cualificacion-oito-empresas-tres-centros