A Xunta apoia con 3,25M€ a contratación de 247 técnicos de emprego en concellos e entidades sen ánimo de lucro de Galicia

Ven, 04/01/2019 - 08:30

A Xunta vén de resolver as axudas para apoiar nos concellos galegos e nas entidades sen ánimo de lucro a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio. A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste este ano 3,25 millóns de euros para seguir impulsando a Rede de Técnicos de Emprego de Galicia. Con esta iniciativa, apóiase a contratación e o mantemento de 247 axentes especializados na promoción do emprego. As axudas repartíronse entre todos os concellos e entidades sen ánimo de lucro que solicitaron este apoio.

O obxectivo desta actuación é contribuír á dinamización e xeración de novas actividades empresariais no ámbito local e rural e á inserción laboral de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Neste último senso, tamén se concederon axudas para apoiar a contratación de 9 unidades de apoio.

O Goberno galego, dunha banda, destina 2,2 millóns para apoiar nos concellos a contratación ou prórroga de 214 axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) que colaboran na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial. O traballo destas persoas consiste fundamentalmente en axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos, o que contribúe a impulsar a aposta do Goberno galego por fixar poboación no rural.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/36469/xunta-apoia-con-3-25m-contratacion-247-tecnicos-emprego-concellos-entidades-sen