A Xunta apoia a contratación de 110 mozos e mozas cualificados en empresas e organismos de investigación a través do programa Principia

Mér, 17/07/2019 - 08:30

A Xunta apoia a contratación de 110 persoas mozas e mozos cualificados de ata 35 anos de idade para a realización de actividades de I+D+i en 77 empresas e organismos de investigación de Galicia a través do programa Principia, cuxa cuarta edición vén de resolver a Axencia Galega de Innovación (Gain). Cun investimento público de 1,1 millóns de euros (10.000 euros por contrato dunha duración mínima dun ano), estímase unha mobilización total superior aos 2,6 millóns de euros.

O obxectivo deste programa é favorecer a retención de talento na nosa comunidade, o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza e estimular a demanda por parte do sector público e privado de persoal suficientemente preparado para realizar tarefas de I+D+i.

Da análise das axudas concedidas, que mañá se prevén publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG), cómpre destacar que aumentou nun 30% o número de entidades beneficiarias con respecto á convocatoria anterior. Ademais, preto de 9 de cada dez entidades beneficiarias son empresas e, destas, case a metade son micropemes, o que amosa que se consolida a existencia dunha área de I+D+i nas empresas da nosa comunidade.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/41622/xunta-apoya-contratacion-110-jovenes-cualificados-empresas-organismos-investigacion