A Xunta apoia a contratación de persoas técnicas especialistas nos organismos intermedios para asesorar ás pemes en materias relacionadas coas necesidades xurdidas da covid-19

Ven, 17/07/2020 - 08:30

A Xunta de Galicia vén de abrir unha nova convocatoria de axudas que ten como obxectivo favorecer a contratación de persoas técnicas especialistas en organismos intermedios para que proporcionen asesoramento ás pemes galegas en materias relacionadas coas novas necesidades xurdidas ao fío do escenario socioeconómico xerado pola covid-19.

O Goberno galego destinará un total de 8M€ a estas axudas ás que poderán acollerse asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais e de carácter tecnolóxico; consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica; agrupacións industriais empresariais; clústers empresariais e asociacións de persoas autónomas. Os interesados teñen aberto o prazo de solicitude -que será telemática- ata o 10 de agosto.

Os organismos intermedios que resulten beneficiarios poderán contratar -durante un período de 8 meses- persoas técnicas superiores e profesionais especialistas, que sexan desempregadas, para que proporcionen asesoramento en captación de financiamento e xestión financeira da empresa, relanzamento comercial, transformación dixital e asesoramento tecnolóxico, prevención de riscos laborais, apoio na implementación de proxectos e ferramentas de teletraballo, plans de continxencia na produción e na cadea loxística e apoio nos procesos de selección de persoal. A contía das axudas, en concepto de incentivo por persoa contratada, establécese en función da súa titulación e grupo de cotización e poderá variar entre os 10.000 e os 13.500 euros.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/50326/xunta-apoya-contratacion-personas-tecnicas-especialistas-los-organismos-intermedios?langId=es_ES