A Xunta apoia na Laracha o programa integrado 'Impulsa Emprego' para mellorar a inserción laboral de 100 desempregados

Mér, 06/02/2019 - 08:30

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe na Laracha aos alumnos e alumnas que están a formarse no Programa Integrado Impulsa Emprego, unha iniciativa cun ano de duración e cun obxectivo de inserción laboral que supera o 45%. A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia ao 85% esta iniciativa, a través dunha axuda de 250.000 euros. En total, están a participar 100 persoas desempregadas de diversos perfiles: menores de 30 anos, maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas inmigrantes, persoas con capacidades diferentes e mulleres vítimas de violencia de xénero.

Marnotes salientou o bo resultado dos programas integrados que teñen como reto principal incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. De feito, a programación formativa da iniciativa está adaptada á demanda do tecido empresarial da comarca. Así, impártese, entre outros, formación en novas tecnoloxías, administración e servizos, contabilidade e fiscalidade, produción, fabricación e montaxe en cadea e para desempeñar labores de almacén e loxística. Tamén se ofrece formación transversal en informática e inglés e márketing dixital. A organización do programa ofrece aos alumnos e alumnas medidas de conciliación para facilitarlles a asistencia.

Marnotes sinalou a aposta da Administración autonómica por plans que combinen formación e prácticas dando resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/37252/xunta-apoya-laracha-programa-integrado-impulsa-empleo-para-mejorar-insercion