A Xunta aposta por incidir na formación que precisan os sectores económicos que demandan emprego

Xov, 10/06/2021 - 11:59

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, visitou hoxe en Bergondo as instalacións da escola de panadería, que leva funcionando desde os anos 90, e está acreditada para a impartición do certificado de profesionalidade de panadería e pastelería. Lado mantivo, ademais, unha xuntanza coa directiva do colectivo quen agradeceu o apoio da Xunta na cualificación de novos profesionais neste sector a través dos cursos de formación para desempregados (AFD) e expuxo as necesidades de profesionais formados que o seu sector require.


Lado, ao respecto, sinalou a aposta da Administración autonómica por incidir na formación que precisan os sectores económicos que están demandando emprego e, neste senso, explicou que a Consellería de Emprego e Igualdade traballa precisamente en analizar que empregos continúan sendo empregos de futuro e cales son necesarios adaptar para cando remate a crise sanitaria, as persoas traballadoras estean preparados para eses empregos. Así, indicou que se está a desenvolver un estudo de tecnoloxías emerxentes para avaliar os novos requirimentos do mercado de traballo tras detectar que, como consecuencia da covid-19, existen actividades que precisan de traballadores especializados e nas que o mercado laboral se mostra máis activo.


Así mesmo, Lado fixo fincapé na Axenda Galega de Capacidades que se porá en marcha en consenso cos axentes sociais e que permitirá cruzar as necesidades do mercado laboral coa formación e, sobre os cursos de formación para desempregados (AFD), apuntou que a Xunta está a investir 44,3 millóns de euros ata 2022 para cualificar a 16.600 persoas desempregadas. Doutra parte, tamén puxo en valor o plan de formación para o emprego para persoas ocupadas, que conta cun investimento de 5,5 millóns de euros en dous anos para chegar a unhas 5.000 persoas.


A Consellería de Emprego e Igualdade está a investir este ano 72 millóns de euros -un 3% máis que en 2020- na posta en marcha de diferentes medias encamiñadas a incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas a través da formación.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/58881/xunta-apuesta-por-incidir-formacion-que-precisan-los-sectores-economicos-que