A Xunta aposta por un modelo colaborativo para impulsar a industria forestal e aproveitar novas oportunidades

Mar, 23/10/2018 - 08:30

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta mañá na presentación do informe A cadea forestal-madeira de Galicia 2017, elaborado pola Universidade de Vigo, a través da Escola de Enxeñaría Forestal, onde destacou a aposta da Xunta por un modelo colaborativo que permita impulsar a industria forestal e aproveitar as novas oportunidades.

O director explicou que este informe é unha ferramenta imprescindible a través da que se pode coñecer a situación actual do forestal e, por tanto, detectar os seus puntos fortes e débiles e, deste xeito, adoptar decisións estratéxicas e deseñar as medidas máis axeitadas para acompañar a esta industria nunha ruta que permita xerar valor ao longo de toda a cadea.

Tal e como reflicte o informe, Galicia segue a ser unha potencia forestal, xa que o pasado ano rexistráronse novos récords, tanto no volume de cortas de madeira, que superaron por primeira vez os 8,5 millóns de metros cúbicos, preto do 50% nacional; como de exportacións, con máis de 800M€. Ademais Galicia obtivo o mellor rexistro da última década, cunha facturación de 2200M€.

O director asegurou que aínda que os datos son bos, Galicia aínda ten unha importante marxe de crecemento. Neste sentido, incidiu na necesidade dun cambio das interrelacións entre empresas e da colaboración, tamén coa Administración. Así, apuntou que, a través de Xera, xa se están mobilizando preto de 30M€ en investimentos para que as pemes da industria forestal gañen en competitividade a través da innovación e que xa se está a executar a primeira estratexia sectorial de formación.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/34500/xunta-apuesta-por-modelo-colaborativo-para-impulsar-industria-forestal-aprovechar