A Xunta apunta á formación como dinamizadora do emprego de calidade e da inserción laboral para as persoas con discapacidade

Xov, 25/06/2020 - 08:30

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse esta mañá de xeito telemático cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación Inserta Innovación, que apoia a autonomía profesional das persoas con diversidade funcional.

Durante o encontro, Casal apuntou ao papel central que xogará a formación como dinamizadora da recuperación económica e laboral, ao facilitar a ocupabilidade e ofrecer máis oportunidades para as persoas con discapacidade, fortalecendo ao mesmo tempo o tecido empresarial. Así, o director sinalou que a base do emprego de calidade está na mellora das competencias dos profesionais, que contribúen a diversificar o modelo produtivo.

A este respecto, o responsable de Orientación e Promoción Laboral puxo énfase na realidade dixital que deben adquirir os novos traballadores, e apelou a fomentar unha formación dirixida a responder ás necesidades tecnolóxicas das propias empresas. Deste xeito, salientou Casal, facilitarase a internacionalización e a adaptación aos novos mercados laborais.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/49933/xunta-apunta-formacion-como-dinamizadora-del-empleo-calidad-insercion-laboral?langId=es_ES