A Xunta autoriza a contratación adicional de dez persoas perceptoras da Risga no Concello de Monforte

Mér, 29/08/2018 - 08:30

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver unha ampliación do programa de apoio á contratación de persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), pola que se autoriza ao Concello de Monforte de Lemos a contratar a dez novos operarios municipais no marco desta liña de axudas.

Estas contratacións súmanse ás outras dez que xa estaban autorizadas este ano en Monforte, polo que en total serán vinte os beneficiarios destes contratos. O delegado territorial, José Manuel Balseiro, destacou que a Xunta completa así o cen por cen das solicitudes realizadas polo Concello no marco deste programa.

A achega da Administración autonómica para financiar as novas contratacións será de 116.863 euros, co que o investimento global sumando os dez contratos xa realizados será de 233.726 euros. Deste xeito, a Xunta sufragará os custos salariais totais, incluída a cotización á Seguridade Social.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/33165/xunta-autoriza-contratacion-adicional-dez-persoas-perceptoras-risga-concello