A Xunta avalía co Concello do Incio medidas que impulsen as políticas activas de emprego e a actividade turística

Xov, 26/09/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha xuntanza co alcalde do Incio, Héctor Corujo, na que abordaron, entre outros temas, medidas que poidan impulsar as políticas activas de emprego e a actividade turística na zona.

Conde destacou o compromiso de Galicia por fixar poboación no rural a través de medidas que fomentan a creación de emprego e apoian a cultura emprendedora en todos os concellos galegos axudando a dinamizar a súa economía.

Neste sentido, puxo en valor o interese amosado polo Incio para participar neste tipo de iniciativas, xa que forma parte da rede de Concellos Emprendedores. Pertencer a esta iniciativa permite aos concellos ter prioridade en programas de axudas vinculadas ao emprego e a formación, á dinamización comercial ou á eficiencia enerxética. A cambio, o Concello comprométese a rebaixas nos impostos locais de ata o 95% e a ofrecer máis facilidades no eido da tramitación administrativa para favorecer a captación de novas empresas e novos investimentos no municipio. Adherirse a este convenio que a Xunta ten firmado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) é, segundo Conde, mostrar compromiso pola dinamización da actividade económica e empresarial do rural en Galicia.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/43238/xunta-evalua-con-ayuntamiento-incio-medidas-que-impulsen-las-politicas-activas